Os petos da Virxe do Carmen

capturadaCando un mariñeiro romano se encontraba no medio dunha tormenta que o intimidaba, non invocaba a Neptuno, deus dos mares, senón a Castor e Polux, uns segundóns que celebraban a súa festa o 15 de xullo, como patróns dos recadeiros, do comercio e das cabalerías, pero tamén porque eran os guías que acompañaban aos mortos para traspasar as portas do Máis Alá.

O mar, que non por temido deixou de ser camiño polo que circulou a humanidade desde os tempos máis remotos, tamén fixo aflorar as máis grandes devocións. Nas súas profundidades situaron os clásicos o mundo das maldades e nos seus extremos asentaron as máis diversas tentacións sobre as que so triunfaron os grandes heroes.

Para o común dos mortais, esa idea, de lugar tenebroso no que habitan os monstros aos que sé vence a valentía, transmitiuse con centos de contos e lendas que reafirman a vella crenza de que nas súas entrañas habitan os verdadeiros amos do abismo, os que erguen as ondas contra os nautas e devoran embarcacións enteiras impedindo o tránsito pacífico; os que se cobran en vidas humanas as peaxes dos seus camiños e os dezmos polos seus tesouros. Por iso, na hora da verdade, os romanos tamén buscaban a quen realmente lles botase unha man para sacalos da boca do inferno e os levase polo camiño da salvación.

A quen queira que fosen os moradores das súas augas, os nosos paisanos, asermade desde tempos remotos, trataban de calmalos arroxando ao mar un anaco de pan antes de comezar a singradura ao tempo que rezaban: “come o pan e non me comas a man”; e por se fose o caso de que o maligno estivese a bordo, os pescos daban un ceavoga repentino, un xiro brusco, para que os trasnos perdesen o equilibrio e caesen pola borda.

Pero ademais destes remedios, polo que puidese ser, os mariñeiros acollíanse aos favores que prometían o Santo Cristo, San Telmo ou San Pedro, a Virxe da Barca ou mesmo a de Pastoriza, a quen se lles pedía o favor da súa gracia nun momento de apuro. Pois xa antes de que os curas da Contrarreforma, pregoasen o do purgatorio como algo indiscutibel, xa nós sabiamos que estaba camuflado entre salseiros admonitorios; e que un home que morre traballando non debe acabar no inferno, e alguén ten que haber para impedilo. Como moito, o náufrago irá a ese lugar no que a estancia non é máis que un tránsito, unha cura de saúde da alma antes de subir a gozar, como bo traballador, dun merecido descanso no ceo.

Foi entrando na época do barroco, cando as xentes do mar botaron man da Virxe do Carme. Ela, igual que os dous deusiños romanos, tamén é unha conductora de almas en pena a través dos incertos camiños do Máis Alá. Ela, que tamén celebra a súa festa a mediados de xullo, o día 16, non pide grandes sacrificios, grandes rezos nin grandes penitencias, sé quere que o seu escapulario colgue do pescozo dos fieis: “quen morra co meu escapulario ao pescozo, non sufrirá as penas do purgatorio”.

Os mariñeiros saben ben que non é doado vivir pendente dun revés; e como a vida do mar se axusta por mareas e non por horarios de misas, sempre é máis cómodo andar cun sistema protector que non interrompa as faenas. E para iso a Virxe do Carme amósase como un seo acolledor, unha esperanza que, a cambio do seu favor, non pide onerosas prendas.

¡Como non vai presidir Ela a grande festa do mar!

O fervor popular represéntaa botándolle o cabo do seu escapulario aos náufragos que desesperan entre as ondas; e espallouna en numerosos petos de ánimas, nos que, en igual actitude que cos náufragos, salva aos fieis das chamas do purgatorio.

A Mariña Española, cande viu que todos os mariñeiros andaban co escapulario do Carmelo colgado do pescozo, tamén acabou adoptándoa como patroa en 1901.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s